top of page

Ánxeles Cuña Bóveda - Encenadora em "O Grande Incêndio"

  • Foto do escritor: Iago de Melo
    Iago de Melo
  • 27 de out. de 2025
  • 9 min de leitura

Atualizado: 7 de nov. de 2025


O primeiro motivo, a potencia creadora de Roland Schimmelpfenning. É un autor

excepcional, por algo se lle considera referente do teatro contemporáneo. O dramaturgo

alemán vivo máis representado no mundo. Coñece moi ben todos os mecanismos do

teatro e a alma humana. Inventa unha nova forma de narrar e explora os límites da

realidade, a ficción e a percepción. Para el non existe teatro sen cambio e a Fantasía é o

pegamento que une todo.

Segundo, O grande incêndio é unha obra magnética, impactante, innovadora,

provocativa, necesaria! Unha proposta tan arriscada como marabillosa. A descuberta

dunha nova maneira de expresar, sentir e ver. Conta historias e situacións que permiten

establecer un diálogo activo coa audiencia. Unha dramaturxia moi lúcida e lúdica que

cuestiona e reflicte as peculiaridades do teatro, abrindo os poros da pel e da conciencia.

Desafía, conmove e causa impacto de maneira formidable. Hai moita sabedoría na

construción que se sustenta nunha arquitectura precisa e de rotunda calidade artística.

Terceiro. Era necesario analizar conxuntamente entre as dúas Compañías a viabilidade do

proxecto. Déronme a confianza e a liberdade de elixir. A Escola da Noite propúxolle a

tradución ao eminente profesor António Sousa Ribeiro. A Escola da Noite ademais,

posúe unha estrutura e capacidade de produción sólida e impecable. As condiciones de

traballo foron excelentes, os equipos e recursos técnicos e humanos precisos, parecían

axustarse coma luva á man ao Grande incêndio. Para enfrontar o desafío: un elenco

versátil, con grande talento e alto nivel técnico e artístico (Ricardo Kalash, Igor Lebreaud,

Miguel Magalhães, Maria Quintelas, Ana Teresa Santos).

Parte do equipo de deseñadores xa traballara con Sarabela no Dragón de ouro, do

mesmo autor, (produción anterior de Sarabela Teatro): Vadim Yuknievick, Rut Balbís, Iris

Branco e Cristian Andrade.O iluminador, Baltasar Patiño traballou en moitos espectáculos

da Compañía. O axudante de dirección, Zé Paredes, ponte importante de comunicación.

A deseñadora de vestiario e gráfico, Ana Rosa Asunción (da Escola da Noite) fixo parte

imprescindible na creación e cohesión de ámbolos dous colectivos.



2. Como a encenadora Ánxeles Cuña Bóveda trabalhou a

crítica social presente no texto para a cena?

O grande incêndio é unha aguda crítica social, en forma de conto para adultos, do

mundo tal e como funciona hoxe. Traballouse sen dogmatismos. Sen dar respostas


explícitas, sen revelar todo. Trátase dunha fábula contemporánea na que se propón unha

Estrutura de xogo que confronta universos. O relato-parábola faise accesible e atéigase

de imaxes. Dáselle un enfoque moi sensitivo. As cuestións sociais articúlanse a partir de

elementos alegóricos ben interesantes porque se abre a diferentes interpretacións e

sentidos que a audiencia pode completar.

A escenificación opta por repartir a voz narrativa nos cinco actores e actrices. A historia

de dous pobos, fundados por dous xemelgos e situados ás veiras dun regato. Comeza

sendo idílica, continúa sendo catastrófica, vira ao onírico e remata con imaxes dunha

traxedia poetizada. Atravesando as estacións do ano, mais fóra do espazo e do tempo.

Tradúcese á escena unha parte «rapsódica»: Cóntase a historia e contándoa, ás veces

ponse na pel dos personaxes, ás veces nárrase a distancia, ás veces cántase...

Mestúrase o textual con compoñentes marabillosos e fantásticos, mais cun compromiso

claro co tempo que nos toca vivir: Enfermidades, agresión á natureza e catástrofes,

cobiza, falla de humanidade e empatía co sufrimento alleo...

Búscanse solucións escénicas a temas quentes: deshumanización, sociedade violenta.

Límites e fronteiras insospeitados. Para non ser só testemuñas do tempo que nos toca

vivir, tamén para resistir diante de tanta inhumanidade. Temos o compromiso de ollar en

fite, de reabrir o diálogo entre o teatro e a sociedade, sen intransixencia. En resumo,

traballouse procurando unha mirada crítica e artística, unha maneira diferente de contar

historias, sen ter que volver caer na tradición dunha imitación dramática realista nin na

ficción pechada. Ademais cando a poesía entra nos escenarios, a repercusión teatral e

vital, adquire unha nova dimensión.



3. O espetáculo combina música, vídeo, máscaras e bonecos.

Como esses elementos dialogam com a dramaturgia?

O campo sonoro soporta o ritmo de escenas simultáneas e refachos temporais.

Pinceladas sonoras con contrastes que resaltan as énfases, as escenas cumio e as

escenas fabulosas. Composición de atmosferas trepidantes que empastan á perfección

coa Dramaturxia, o movemento coreográfico e as tonalidades da iluminación.

Combinación de momentos de grande beleza con outros de dinamismo que xera

expectación. Coordinada coas transicións de vestiario e as transformación

interpretativas. O ritmo en "in crescendo" tamén se detén por variacións e repetición ben

medidas co fío narrativo. Efectos especiais interpretados de tal maneira que espertan os

sentidos e provocan acción. Calidade extraordinaria das composicións deste “fenómeno”

chamado Vadim Yuknievik que coa súa sensibilidade e sabedoría crea as versións e as

paisaxes sonoras extraordinarias que nos fan captar a nosa atención e baten en nós dun

xeito moi emocionante. As cancións e todo o campo sonoro crea atmosferas de grande

beleza.

O movemento é imprescindible para deixar que a narración sexa a que invada todo,

sempre a favor do feito escénico. Contamos con Rut Balbís, unha coreógrafa prodixiosa!

É moi importante nesta montaxe na que hai tanta fisicalidade, tantas mudanzas de

movementos, tantas imaxes poderosas que pasar polos corpos e os espazos. Acada

calidade, ritmo e precisión sobre todo nas escenas de concepto e nas transicións dunha

maneira moi eficaz, nun xogo onde os intérpretes non teñen descanso. Non só

interpretan catro ou cinco personaxes, ademais a súa presenza na escena é continua, en


constante cambio. Destacar a potencia na creación de grande beleza visual e sonora dun

equipo de creadores que deu o mellor de si. O xogo de luces e sombras de Batasar

Patiño é moi esixente, complexo, e require moito talento e experiencia. É preciso e

precioso. O campo sonoro é magnífico. O vestiario de Ana Rosa Asunción cambia tanto

como os personaxes, a toda velocidade, axuda moito a identificar as transformacións e a

definir o estilo. Todos os signos e elementos da posta en escena teñen un sentido que

axuda a crear o xogo dos personaxes. As máscaras de Iris permiten duplicar e darlle

dimensión grotesca a algunhas escenas que piden teatralidade.

Toda esta combinación require tamén un traballo incesante de coordinación de todos os

equipos que desenvolveu con moito esmero Zé Paredes. As imaxes potentes imprimen

moita emoción á proposta, porque todas teñen un diálogo claro coa Dramaturxia.



4. Quais foram os principais desafios enfrentados durante o

processo de ensaios?

Na interpretación reside o principal e primeiro reto xa que precisamos rachar as barreiras

do teatro convencional. Esta peza demanda realizar un exercicio escénico admirable. Hai

que deixar de lado os camiños trillados na busca de sentimentos cribles que permitan

respirar, rir e tamén que a dor nos interpele. Os xestos, o movemento, o manexo e

cambios de espazo, as pausas, os silencios...

Multidisciplinaridade (mestura de narratividade, teatralidade e linguaxes visuais,

coreográficas e musicais. riqueza e significación no xogo escénico.

A obra pode ser abordada desde perspectivas diferentes. Vai ser co traballo conxunto

cos actores e actrices e coa súa capacidade de emocionar onde afloran primeiro os

fondos e de seguido, case á par, as formas. Vai ser na harmonización de todo o conxunto

cando adquira corpo con sangue nas venas. Créanse códigos para que a partitura se

converta en polifonía, a un ritmo trepidante. Sen eclipsar nunca o factor humano e os

sentimentos.



5. O que a colaboração entre A Escola da Noite (Portugal) e

Sarabela Teatro (Galiza) acrescentou à criação?

O Equipos de xestión, creación, produción, técnico e humano da Escola da Noite son de

alto nivel.

As condicións dignas de creación foron inmellorables. Iso non asegura un resultado

creativo óptimo, pero axuda moito.

Nun proceso moi cooperativo, con tempo de exploración e comunicación fluída onde

predomina a confianza e a entrega, é doado que todo encaixe.

Nun espazo estable con todos os recursos humanos, técnicos e artísticos xerando unha

atmosfera serena e de seguridade, a creación aflora arroupada e fecunda. Agroma vital e

gozosa.

Ademais é un pracer atopar un reparto coral cun equilibrio interpretativo e unha

versatilidade tan notables.

Creadores galegos e portugueses en perfecta harmonía.

Equipos que se enriqueceron mutuamente no encontro.

Relacións profesionais e humanas fondas e de alta estima.


Creo que acadamos unha creación de calidade pola maneira en que todos os equipos

contribuíron a que isto sucedese

Estreitar vínculos entre Galiza e Portugal é rotundamente marabilloso.



6. De que forma a cenografia representa as duas vilas e os

desastres naturais que as assolam?

Cristian e Iris Branco crean un espazo minimalista. Dúas simetrías que resultaron ser a

síntese da metáfora inicial que representaban dous fetos unidos por un cordón umbilical:

a ponte. Cunha variedade de elementos que transforman a escena continuamente e onde

brillan o texto e un elenco magnífico. Créase un dispositivo versátil que en coordinación

con vídeo-arte, vestiario, luz, son e coreografía, permite pasar polas dúas aldeas,

atravesar a ponte, visitar a casa da profesora que ten alma de poeta e conciencia

ecolóxica, sentir os corazóns ardentes dos namorados, escoitar os sinos, cada vez máis

afastados, percibir o paso do tempo, celebrar encontros na taberna, construír un

miradoiro nun muíño, crear fronteiras, bailar e cantar, visitar enfermos, patinar, pasar da

seca ao frío, da calor á néboa, á chuvia, ao vento, escapar dun grande incendio, procurar

apagar o lume, saltar un regato que acabará transformándose en mar.



7. Que atualidade vocês veem no tema das catástrofes

ambientais e desigualdades sociais?

Asistimos a guerras arrepiantes, ao ascenso en Europa e no mundo de pretensións

totalitaristas, a problemas sociais de toda índole. O teatro non pode ollar de perfil.

Os temas son de total e candente actualidade. Vivimos unha realidade moi complexa: a

polarización ideolóxica, o ascenso do fascismo, os refuxiados que morren no mar...

Estamos asistindo a catástrofes terribles, danas, incendios de grande magnitude de

consecuencias moi graves a nivel ecolóxico, social, económico, vital...

O texto fálanos da forma como “os cambios climáticos teñen consecuencias

desastrosas para as persoas afectadas”.

Dun xeito fabuloso, poético, irónico, cru e onírico, a peza descríbenos “como os amigos

se converten en inimigos, como os desastres naturais e non tan naturais, dividen o

mundo en ricos e pobres e como aparecen as inxustizas que conforman a vida das

persoas”.

A vixencia dos temas é total. A forma en que se lles achega é impactante, crítica,

singular. Con imaxes sorprendentes e xiros inesperados.



8. Qual a expectativa em relação ao público de Évora?


Desexando saber cal é a recepción desta audiencia nun teatro tan importante e

emblemático.Esperamos que esta estrutura de efectos consiga manter a tensión ata o final. Ansiamos

que este deseño, froito da entrega, manteña enganchada á audiencia.

Queremos comunicarnos e dialogar ao redor de temas que nos importan, que nos moven

e conmoven. Temas grandes, mais abordados desde historias pequenas, neste caso

case coma un conto de dúas aldeas que viven ao redor dun regato.

Suscitar preguntas como que podemos facer con este mundo tan convulso no que

estamos mergullados. Cremos necesario falar de temas como a inhumanidade ou do

terror que infunde o outro. Mesmo das consecuencias abraiantes ao mesmo tempo que

terribles do cambio climático ou das guerras.

Esperamos que invite á reflexión e ao cuestionamento da nosa relación cos demais e

tamén con nós mesmos. Que lles interpele tanto como a nós, que lles divirta, lles

conmova e poña en acción a capacidade crítica, sermos quen de desafiarnos, de

preguntarnos: que faría eu no seu lugar?

A nosa razón de existir é a comunidade que nos acolle. A creación final do sentido

correspóndelle neste caso ao público de Évora.



9. Como este espetáculo se insere na trajetória artística dos

dois coletivos?

Recollo aquí as palabras de Pedro Rodrígues que subscribo totalmente e que dá clara

resposta á pregunta.

“Entre Sarabela (creada en 1980, grupo profesional desde 1990) e A Escola da Noite

(nada en 1992) existe un punto en común, que entre outros aspectos reside (...) nos

intereses que compartimos á hora de construír o repertorio; na profundidade das

abordaxes que nos gusta achegar a cada proceso creativo; no noso gusto polo texto

teatral, a poesía e a transposición escénica de textos non dramáticos; na nosa raigame

nas cidades que escollemos como sedes; na dimensión nacional dos nosos proxectos;

na consciencia de que o proxecto artístico dunha compañía de teatro reflicte unha visión

da sociedade e constitúe un xesto cívico e político, ao que non só non renunciamos

senón que procuramos coidar, con rigor, compromiso e sentido da responsabilidade.

Sempre quixemos compartir a construción desta amizade co público de Coimbra, ao que

vimos ofrecendo a oportunidade de vivir, dende hai máis de dúas

décadas, algúns dos espectáculos máis significativos da compañía ourensá: “Así que

pasen 5 anos”, de Federico García Lorca (2003, aínda no Obradoiro

Municipal de Teatro); “A Esmorga”, de Eduardo Blanco Amor (2009); “Rosalía: os cantares

das musas”, con poemas de Rosalía de Castro (2013); “A idade da

pavía”, de Arístides Vargas (2014); “Pequenas certezas”, de Bárbara Colio (2014);

“Arraianos”, de X. L. Mendéz Ferrín (2023); “O Dragón de Ouro”, de Roland

Schimmelpfennig (2025).

Nos teatros, festivais e proxectos onde se atoparon, os equipos de Sarabela e A Escola

da Noite consolidaron unha relación de complicidade e admiración recíproca que os

motivou a dar un paso máis adiante. “O Grande Incêndio” é a primeira das dúas

coproducións que as compañías teñen previstas para o bienio 2025-2026.

Debémoslle a Ánxeles Cuña Bóveda, directora artística de Sarabela e directora de escena

deste espectáculo, a descuberta dun texto que non coñeciamos (e que non estaba

traducido ao portugués), así como a equipa creativa que trouxo da Galiza e coa cal nos


deu o privilexio de traballar. Iris Branco e Cristian Andrade (escenografía), Vadim

Yukhnevich (dirección musical e música orixinal), Baltasar Patiño (deseño de luz), Rut

Balbís (coreografía) e Zé Paredes (axudantía de dirección) teñen percorridos e currículos

amplamente recoñecidos e que formarían sen ningunha dúbida parte dunha selección do

mellor que o teatro galego contemporáneo ten para ofrecer ao mundo.

“O Grande Incêndio” fálanos de desastres naturais e de desastres culturais – dos que

non podemos evitar e dos que creamos ou axudamos a agravar, por acción ou por

omisión. De indicios aos que só demasiado tarde damos atención, do crecemento das

desigualdades e das inxustizas coas que nos acostumamos a convivir, da forma como

deixamos que nos dividan, entre pobos, entre veciños, entre familias. Fálanos, en

palabras do autor, “dunha fenda entre mundos” que “cada vez medra máis”.

Non é o papel do teatro cambiar o mundo. Pero ten palabras que ofrecer, aínda máis

necesarias cando o medo e a barbarie se naturalizan como instrumentos de dominación

e a vertixe da guerra parece arrastrarnos cara ao abismo. Este é o xesto que escollemos

facer, en 2025, desde Galicia e Portugal, co texto dun alemán”.



10. Há planos de circulação em Portugal e na Galiza após

Évora?


Non teño a certeza.

Comentários


Não é mais possível comentar esta publicação. Contate o proprietário do site para mais informações.
bottom of page